Mostrando entradas con la etiqueta VIDA DE ESTE CHICO. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta VIDA DE ESTE CHICO. Mostrar todas las entradas

jueves, 6 de mayo de 2010

Reunión VI, do 5 de Maio

Acabada xa a lectura da novela do señor Wolff, reunímonos outra vez. Sobre a mesa dúas obras en papel e outra en DVD: "Vieja escuela", "Tú nunca me has gustado" e "Os catrocentos golpes", de Wolff, Brown e Truffaut, respectivamente.
Falamos do final do cómic canadiano, e da extraña maneira de compoñer as páxinas que o debuxante ten, recortando as viñetas con tesoiras e pegando despois sobre a páxina definitiva. O cómic foi cualificado por varios como "raro", e discutido o final e a forma en que debe ser entendido, se iso é posible. Un tipo cun trapo pegado ao pescozo tivo a ocurrencia de dicir que sinte necesidade de reler esta obra cada certo tempo precisamente polo seu final, incomprensible. Fastidiou algo máis dando a vara con non sei qué do comportamento humano e a súa incompresibilidade, a coexistencia no noso interior de contraditorios desexos e a capacidade de Brown para reflictir tal cousa na súa obra (nesta, e noutras). Rematou a súa prescindible intervención sacando a pasear ao seu amigo Schopenhauer non unha, senón dúas veces. A nosa querida N. non deixou pasar a oportunidade para que quedara unha vez máis bastante clariño que ela si di sempre o que pensa e non ten ese extraño problema de incomunicación ou do que sexa que mostra o protagonista do cómic browniano. Polo demais, L., insistíu que para el este cómic máis semellanza tiña co segundo libro de Wolff que con "Vida de este chico", por aquilo dese extraño xogo de querer unha cousa e non facela. L. explicaba isto bastante mellor, pero quede así.
Da película de Truffaut pouco ou nada dixemos, pois só foi vista polo momento por unha persoa, M., xa que I. non acabou de vela (¿K.O. técnico, ou falta de tempo?). Mais o inefable J., que hoxe viña disfrazado (de J.) apandou co DVD prometendo cumprir como un home e chegar ata a palabra "Fine". A ver...
E logo foi inevitable darlle un tempo a Wolff. Xa Kar aquí, nun comentario ou dous escritos fai pouco, dicía que este fin de novela parecíalle algo decepcionante porque a chica que abandoaba a literatura para dedicarse á mediciña era un personaxe desagradable, e porque o derradeiro capítulo non acababa de convencer. Algo diso compartimos todos nesta reunión. Ese capítulo final parece un engadido a unha novela xa acabada no penúltimo. No derradeiro o protagonista de "Vieja escuela" desaparece para deixar paso a ese vello profesor con complexo de pecadio mortal de impostura, con volta final co rabo entre as pernas e cita velada da parábola do fillo pródigo da Biblia nas dúas últimas liñas: "Su padre, cuando le vio acercarse, corrió a su encuentro."
Entusiasmados todos pola chegada do mes da Virxe ou algo así, quedamos en seguir con este club, talvez insistindo na lectura de cómics "indies" de Brown e compañía, coas inevitables e comprensibles baixas do persoal de segundo de bacharelato, que bastante ten xa como para ter que aturar a quen escribe por máis tempo do debido. Amén.
[P.S. O cómic de Chester Brown está na nosa biblioteca morto de aburrimento desde fai séculos. Así que xa sabes.]

lunes, 3 de mayo de 2010

"Os catrocentos golpes", de François Truffaut


Ademais do libro de poemas de Ana Merino e do cómic de Chester Brown, dos que xa temos sendas entradas que podes ver, no seu día levamos á reunión non sei cantas o DVD coa película de Truffaut.
¿Por que esta peli, con esa inolvidable música composta por Jean Constantine? Ben, porque garda unha certa similitude -salvando as distancias- coa historia de Toby en "Vida de este chico". Outro tanto cabe dicir coa obriña de Merino e coa de Brown, claro... O filme fala dun neno que é case un adolescente que deambula por París na mesma época que trascurre a parte final de "Vida...", e recordemos que Toby a piques estivo de ir a vivir a París, ao París que ves nesta película, co seu tío. Hai outros parecidos, claro, que podes notar con só tomarte a molestia de... vela. É o que pasa nestes casos: que se un quere ver certas cousas nunha peli, ten que ver esa peli. Son ganas de fastidiar...
Tres ou catro cousas que un sabe da peli: tanto o autor como o propio film forman parte do que se coñece como "nouvelle vague" (nova onda) do cine francés, dos sesenta. Aí estaba xente como o propio Truffaut, ou Godard , ou Resnais, ou Rohmer... Un cine que xa é imposible ver en salas de cine normais, comerciais. ¡Tempos...! Menos mal que queda o DVD, o Forum... e os clubs de lectura, claro. (Se queres engadir nesta entrada o teu comentario, positivo ou negativo, da película truffautiana, pois sería moi ben recibido, a verdade).

(Truffaut e Rohmer xa nos acompañaran noutros momentos e circunstancias no noso escuro pasado...).

sábado, 1 de mayo de 2010

Reunión cinco e pico (días despois)

Días despois da renión V do día 15, "a oficial", fixemos algo así como a súa "repetición" pensando nas persoas que non puideron estar, máis J., que si estivo, pero quiso repetir xa que non tiña os capítulos mirados.
Unha vez máis o xa coñecido espírito que invadía a habitación nas reunións máxicas de cando estabamos con "Vida de este chico", que tanto botamos de menos ás veces, volveu para recordadrnos a íntima relación entre vida e literatura. Esa relación da que nos quere falar Wolff neste libro, pero que non necesitamos recoñecer soamente neste libro. O noso querido espírito aparece unha e outra vez, con movementos parecidos a eses ventos do Bosque Vello de Buzzati, para empaparnos con esa sensación de que ficción e vida están no caso dos seres humanos de carne e oso permanentemente asociados...
Saíu tamén o inevitable tema do problema xudeo, que tanto parece atraer a Wolff nesta obra e na anterior, e non soamente a este escritor estadounidense, senón como comentamos, noutros da mesma nacionalidade: Henry Roth, Philip Roth, Salinger, Singer, etc. A literatura escrita por estadounidenses con sangue xudeo (de tres ou catro gotas a litros) é practicamente un xénero. Tirando do fío, chegamos a España e Galicia: ¿sucede aquí ouitro tanto cos xudeos? Non é o mesmo, desde logo, pero non debemos olvidar... Mellor dito, deberíamos recordar, ou saber dunha vez, o sucedido na península no século XIV (Sevilla, Andalucía, Levante, Cataluña, Baleares...), e deberíamos facer traballar algo máis a nosa imaxinación para tratar de reproducir en imaxes as escenas de familias completas abandoando o seu país no século XV levando a chave da casa consigo... para non volver.
Tamén o Quijote foi tema de conversación entre nós, e cómo non, se se trata de falar da relación entre esa cousa que a xente soe chamar "realidade" e a ficción... Parte I, capítulo XXV da famosa obra de Cervantes, especialmente ao final. E como exemplo, un botón: deixemos falar por si mesmo a ese capitán Trueno da Mancha que para moitos pasa por tolo: "Yo imagino que todo lo que digo es así, sin que sobre ni falte nada, y píntola en mi imaginación como la deseo, así en la belleza como en la principalidad, y ni la llega Elena, ni la alcanza Lucrecia, ni otra alguna de las famosas mujeres de las edades pretéritas, griega, bárbara o latina. Y diga cada uno lo que quisiere; que si por esto fuere reprehendido de los ignorantes, no seré castigado de los rigurosos." Fala, claro, da súa Sigrid de Thule. Fala, claro, polo tanto, ¿de que...?

lunes, 19 de abril de 2010

Reunión V (15.de Abril)

O xoves 15 reunímonos outra vez, para falar dos dous capítulos prefixados). Non estabamos todos, mais aá mitade da reunión sumouse, por primeira vez "en peroa", B., que ata agora só estaba con nós virtualmente.
Falamos da tendencia do protagonista á simulación, como o Toby-Jack do primeiro libro. E tamén do "problema xudeo", ou da condición de ser xudeo, neste caso na sociedade estadounidense. Outro elemento xa presente na obra anterior. Ambas cousas podemos aprecialas no conto que o protagonista plaxia da revista da escola feminina cercana: a simulación, a necesidade de representar ser outro, o ocultamento da condición de xudeo ou de ter tres gotas e media de sangue xudeo no pé esquerdo -fundamental e angustiante, ao parecer-. E a relación co outro sexo, e o roce coa xente dunha clase social superior, o desexo de ascenso social, o clasismo, o esnobismo...
Chamou a atención saber a discriminación en EE UU polo feito de ser da comunidade xudea, ou da etnia xudea, ou como queiramos dicilo. A discriminación por "ser diferente" dase en todas partes, por desgracia. tamén en EE UU. O cal non significa que as discriminacións sexan iguais en todos lados. En 1960 ou hoxe, unha persoa -e iso di Wolff nesta obra, p. ex.- podía e pode sentirse "desprazada" ou "illada" de xeito moi sutil polo resto, de aí a súa mecesidade de calar, de mon falar diso nin siquera co compañeiro da habitación, quen por certo chega a dicir que o conto "do protagonista" era "o seu conto". Curioso...
Tamén repartimos fotocopiado o soneto de Shakespeare número XXIX ("Cuando, en desgracia..."), que da título ao segundo capítulo que tocaba para esta reunión, e que axuda a comprender algo mellor a situación do rapaz -alomenos parte do soneto-: se premes neste enlace podes lelo completo, e algo máis tamén.

lunes, 12 de abril de 2010

Reunión IV (7 de Abril)

O día 7, o pasado mércores, reunímonos por cuarta vez neste club, pero por vez primeira para falar deste novo libro, "Vieja escuela". O tono xa cambiou, porque é un tipo de obra un tanto diferente. Xa non é un relato autobiográfico baseado na sucesión de fragmentos que co paso das páxinas vai creando na mente do lector unha certa sensación de unidade, de fío, de biografía ou non sei qué. Agora trátase dunha novela, mellor ou peor construída, mais novela. Certo que hai elementos autobiográficos, e non poucos, pero nin siquera é o mesmo personaxe: o rapaz narrador deste segundo libro é maior (é 1960 e está rematando o sexto ano na escola, mentres que Toby-Jack en 1960 entraba na escola preparatoria), fillo único (Toby non), coa nai morta (non era o caso de "Vida de..."), cun avó materno que non é oficial da marina, senón da aviación, etc. Pero si hai notables coincidencias: é unha escola do mesmo estilo -se ben con outrro nome-, antes vivía en Seattle, a simulación forma parte do seu ser, ten orixe xudea, interésalle a literatura, fuma -alomenos ao principio-, etc.
En xeral parecía haber no ambiente certa decepción, en comparación coa obra anterior que parecía gustar algo máis. Pero non é así en todolos casos: hai entre nós persoas que nos acompañan "virtualmente", e non parece que esas persoas gusten menos desta novela que do outro libro... ¿Ou si?
Próxima reunión: En principio, este xoves, día 15 de Abril. Quedamos en ler só ata a páxina 207 (incluída). É dicir, dous capítulos: "La lengua viperina" e "Cuando, en desgracia con la fortuna". Parece que agora si que se axitarán as cousas na cabeza do protagonista, e na escola...

sábado, 27 de marzo de 2010

Presentación

De novo ola.
Damos pois comezo á segunda parte do noso club de lectura. Primeiro foi "Vida de este chico", e agora ímos con "Vieja escuela", ambos do mesmo autor, Tobias Wolff. Se a primeira era un relato autobiográfico contado por un autor acostumado a escribir relatos e, polo tanto, a pouco que un preste algo de atención, iso é recoñecible no seu discurso: non era unha novela; era unha cadea de fragmentos (moi ben escrita) coa que pretendía reconstruír o seu pasado como preadolescente (1955-56, ao principio, con dez ou once anos) e como adolescente con todos os boletos comprados para acabar na delincuencia (1960, nas últimas páxinas, con quince aniños), agora, na segunda obra que xa temos todos, TW sitúa a súa novela (xa veremos se realmente o é, ou non) nunha escola como aquela da que se fala ao final do outro libro, privada, preparatoria, probablemente bastante elitista (xa veremos isto tamén)... Pero agora non é xa un relato autobiográfico como "Vida de este chico", ou "En el ejército del faraón" (obra que conta as súas experincias na guerra de Vietnam, publicada antes que "Vieja escuela", pero que transcorre nun tempo posterior: o fío sería: "Vida de este chico"-"Vieja escuela"-"En el ejército del faraón", se queremos seguir paso a paso o devir vital de TW, pero a orde de realizacvión como obras literarias non foi así), senón unha obra cargada de referencias e elementos biográficos, pero soamente iso, e xa veremos outra vez ata qué punto...
Pois iso: Queda inaugurado este pantano. Atentos estes días a este blog, porque intentaremos dar expliocacións de autores, obras ou feitos da época que axuden a mellorar a nosa visión ou lectura deste libro. Boa caza...
(Non olvidemos a Ana Merino e Truffaut, por favor. sería tremendamente popsitivo que fóramos xa pasando de man en man esas dúas obras, se é posible... E aínda queda por ver outra obra complementaria da parella wolffiana: un cómic dun autor canadiano que merece realmente a pena).