Mostrando entradas con la etiqueta CINE. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta CINE. Mostrar todas las entradas

jueves, 6 de mayo de 2010

Reunión VI, do 5 de Maio

Acabada xa a lectura da novela do señor Wolff, reunímonos outra vez. Sobre a mesa dúas obras en papel e outra en DVD: "Vieja escuela", "Tú nunca me has gustado" e "Os catrocentos golpes", de Wolff, Brown e Truffaut, respectivamente.
Falamos do final do cómic canadiano, e da extraña maneira de compoñer as páxinas que o debuxante ten, recortando as viñetas con tesoiras e pegando despois sobre a páxina definitiva. O cómic foi cualificado por varios como "raro", e discutido o final e a forma en que debe ser entendido, se iso é posible. Un tipo cun trapo pegado ao pescozo tivo a ocurrencia de dicir que sinte necesidade de reler esta obra cada certo tempo precisamente polo seu final, incomprensible. Fastidiou algo máis dando a vara con non sei qué do comportamento humano e a súa incompresibilidade, a coexistencia no noso interior de contraditorios desexos e a capacidade de Brown para reflictir tal cousa na súa obra (nesta, e noutras). Rematou a súa prescindible intervención sacando a pasear ao seu amigo Schopenhauer non unha, senón dúas veces. A nosa querida N. non deixou pasar a oportunidade para que quedara unha vez máis bastante clariño que ela si di sempre o que pensa e non ten ese extraño problema de incomunicación ou do que sexa que mostra o protagonista do cómic browniano. Polo demais, L., insistíu que para el este cómic máis semellanza tiña co segundo libro de Wolff que con "Vida de este chico", por aquilo dese extraño xogo de querer unha cousa e non facela. L. explicaba isto bastante mellor, pero quede así.
Da película de Truffaut pouco ou nada dixemos, pois só foi vista polo momento por unha persoa, M., xa que I. non acabou de vela (¿K.O. técnico, ou falta de tempo?). Mais o inefable J., que hoxe viña disfrazado (de J.) apandou co DVD prometendo cumprir como un home e chegar ata a palabra "Fine". A ver...
E logo foi inevitable darlle un tempo a Wolff. Xa Kar aquí, nun comentario ou dous escritos fai pouco, dicía que este fin de novela parecíalle algo decepcionante porque a chica que abandoaba a literatura para dedicarse á mediciña era un personaxe desagradable, e porque o derradeiro capítulo non acababa de convencer. Algo diso compartimos todos nesta reunión. Ese capítulo final parece un engadido a unha novela xa acabada no penúltimo. No derradeiro o protagonista de "Vieja escuela" desaparece para deixar paso a ese vello profesor con complexo de pecadio mortal de impostura, con volta final co rabo entre as pernas e cita velada da parábola do fillo pródigo da Biblia nas dúas últimas liñas: "Su padre, cuando le vio acercarse, corrió a su encuentro."
Entusiasmados todos pola chegada do mes da Virxe ou algo así, quedamos en seguir con este club, talvez insistindo na lectura de cómics "indies" de Brown e compañía, coas inevitables e comprensibles baixas do persoal de segundo de bacharelato, que bastante ten xa como para ter que aturar a quen escribe por máis tempo do debido. Amén.
[P.S. O cómic de Chester Brown está na nosa biblioteca morto de aburrimento desde fai séculos. Así que xa sabes.]

lunes, 3 de mayo de 2010

"Os catrocentos golpes", de François Truffaut


Ademais do libro de poemas de Ana Merino e do cómic de Chester Brown, dos que xa temos sendas entradas que podes ver, no seu día levamos á reunión non sei cantas o DVD coa película de Truffaut.
¿Por que esta peli, con esa inolvidable música composta por Jean Constantine? Ben, porque garda unha certa similitude -salvando as distancias- coa historia de Toby en "Vida de este chico". Outro tanto cabe dicir coa obriña de Merino e coa de Brown, claro... O filme fala dun neno que é case un adolescente que deambula por París na mesma época que trascurre a parte final de "Vida...", e recordemos que Toby a piques estivo de ir a vivir a París, ao París que ves nesta película, co seu tío. Hai outros parecidos, claro, que podes notar con só tomarte a molestia de... vela. É o que pasa nestes casos: que se un quere ver certas cousas nunha peli, ten que ver esa peli. Son ganas de fastidiar...
Tres ou catro cousas que un sabe da peli: tanto o autor como o propio film forman parte do que se coñece como "nouvelle vague" (nova onda) do cine francés, dos sesenta. Aí estaba xente como o propio Truffaut, ou Godard , ou Resnais, ou Rohmer... Un cine que xa é imposible ver en salas de cine normais, comerciais. ¡Tempos...! Menos mal que queda o DVD, o Forum... e os clubs de lectura, claro. (Se queres engadir nesta entrada o teu comentario, positivo ou negativo, da película truffautiana, pois sería moi ben recibido, a verdade).

(Truffaut e Rohmer xa nos acompañaran noutros momentos e circunstancias no noso escuro pasado...).

sábado, 3 de abril de 2010

William Faulkner

Frost, Hemingway o Nabokov son autores dos que se fala xa desde as primeiras páxinas do noso libro, mais tamén dun certo William Faulkner (pp. 18-19), a propósito dun conto seu referido á relación dun fillo co seu pai.
¿Quen ven sendo ese tal Faulkner? Nin máis nin menos que un dos tres ou catro escritores máis importantes do s. XX,. xunto con Kafka, Proust, Musil ou Joyce. Non é un calquera, e a súa impronta nótase en escritores máis cercanos a nós por razóns culturais como poden ser Juan Benet (e polo tanto Javier Marías) ou o ubícuo García Márquez: a "Región" de Benet ou o "Macondo" de Márquez son sendas versións do faulkneriano "condado de Yoknapatawpha".
Autor de numerosas novelas e contos de persoal estilo, con frases longas que contrastan coas frases breves e cortantes do seu contemporáneo Hemingway, e coñecido tamén como guionista de Hollywood nos vellos tempos: todo un mercenario. Probablemente viches na televisión máis dunha película con guión deles. Ou sexa, de Faulkner e a súa botella. Os escritores estadounidenses permanentemente pegados á súa botella, como o capitán Haddock, son lexión: Hemingway, Fitzgerald, Cheever, Carver, Bukowski... E tamén Faulkner.
Posiblemente coñeces (algunhas) películas dos irmáns Cohen ("Arizona baby", "Oh, brother", "Fargo"...). Unha delas chamábase "Barton Fink", interpretada por John Turturro, na cal hai un recoñecible homenaxe ao "Faulkner hollywoodiense".
Numerosas obras do propio Faulkner foron adaptadas ao cine e á televisión.
Pois ben, ao que íamos: nas páxinas 17-18 do libro de TW, onde se fala do conto faulkneriano titulado "Quemar cobertizos", podemos ver non soamente a importancia da literatura na escola do libro de Wolff, senón tamén algo que consideramos ata certo punto -talvez equivocadamente- un trazo característico do sistema educativo estadounidense, alomenos dun recente pasado: a consideración da literatura non como unha asignatura memorística (datos, etiquetas, nomes, correntes, etc.) regada de lecturas obrigatorias que quedarían ao marxe das vivencias dos alumnos, senón máis ben como pontes entre persoas que escriben (narracións, poemas) do ser e da vida, e persoas de carne e oso que len aire e vida que tocan e respiran nas páxinas desa novela ou libro de poemas. Se relemos o que o personaxe do noso libro di sobre o rapaz do conto faulkneriano, e a relación co pai, e as reflexións e emocións que de aí se seguen, verase isto mellor. Un non pode deixar de recordar a película titulada en castelán "Esplendor en la hierba", e aquela aula, e aquela escena que se le o poema de Wordswood que da nome oa filme...