domingo, 9 de mayo de 2010

"Hagamos caso al tigre", de Ana Merino (ilustrado por Max)

(Ilustración de A.C.S.)


Retomando a Ana Merino, que a temos algo olvidada de máis, resulta que non para, e agora acompañada por unha figura do cómic e a ilustración hispanos, nada menos que Max. Non é de extrañar: Ana Merino é coñecida tamén polo seu saber no mundo do cómic en xeral, e polo do cómic "indie" ou alternativo en particular...
¿Seguimos sen ter opinión algunha sobre os poemas de Ana Merino, polo amor de Deus (ou polo menos... por favor)? ¿Mmmh...?

jueves, 6 de mayo de 2010

Reunión VI, do 5 de Maio

Acabada xa a lectura da novela do señor Wolff, reunímonos outra vez. Sobre a mesa dúas obras en papel e outra en DVD: "Vieja escuela", "Tú nunca me has gustado" e "Os catrocentos golpes", de Wolff, Brown e Truffaut, respectivamente.
Falamos do final do cómic canadiano, e da extraña maneira de compoñer as páxinas que o debuxante ten, recortando as viñetas con tesoiras e pegando despois sobre a páxina definitiva. O cómic foi cualificado por varios como "raro", e discutido o final e a forma en que debe ser entendido, se iso é posible. Un tipo cun trapo pegado ao pescozo tivo a ocurrencia de dicir que sinte necesidade de reler esta obra cada certo tempo precisamente polo seu final, incomprensible. Fastidiou algo máis dando a vara con non sei qué do comportamento humano e a súa incompresibilidade, a coexistencia no noso interior de contraditorios desexos e a capacidade de Brown para reflictir tal cousa na súa obra (nesta, e noutras). Rematou a súa prescindible intervención sacando a pasear ao seu amigo Schopenhauer non unha, senón dúas veces. A nosa querida N. non deixou pasar a oportunidade para que quedara unha vez máis bastante clariño que ela si di sempre o que pensa e non ten ese extraño problema de incomunicación ou do que sexa que mostra o protagonista do cómic browniano. Polo demais, L., insistíu que para el este cómic máis semellanza tiña co segundo libro de Wolff que con "Vida de este chico", por aquilo dese extraño xogo de querer unha cousa e non facela. L. explicaba isto bastante mellor, pero quede así.
Da película de Truffaut pouco ou nada dixemos, pois só foi vista polo momento por unha persoa, M., xa que I. non acabou de vela (¿K.O. técnico, ou falta de tempo?). Mais o inefable J., que hoxe viña disfrazado (de J.) apandou co DVD prometendo cumprir como un home e chegar ata a palabra "Fine". A ver...
E logo foi inevitable darlle un tempo a Wolff. Xa Kar aquí, nun comentario ou dous escritos fai pouco, dicía que este fin de novela parecíalle algo decepcionante porque a chica que abandoaba a literatura para dedicarse á mediciña era un personaxe desagradable, e porque o derradeiro capítulo non acababa de convencer. Algo diso compartimos todos nesta reunión. Ese capítulo final parece un engadido a unha novela xa acabada no penúltimo. No derradeiro o protagonista de "Vieja escuela" desaparece para deixar paso a ese vello profesor con complexo de pecadio mortal de impostura, con volta final co rabo entre as pernas e cita velada da parábola do fillo pródigo da Biblia nas dúas últimas liñas: "Su padre, cuando le vio acercarse, corrió a su encuentro."
Entusiasmados todos pola chegada do mes da Virxe ou algo así, quedamos en seguir con este club, talvez insistindo na lectura de cómics "indies" de Brown e compañía, coas inevitables e comprensibles baixas do persoal de segundo de bacharelato, que bastante ten xa como para ter que aturar a quen escribe por máis tempo do debido. Amén.
[P.S. O cómic de Chester Brown está na nosa biblioteca morto de aburrimento desde fai séculos. Así que xa sabes.]

lunes, 3 de mayo de 2010

"Os catrocentos golpes", de François Truffaut


Ademais do libro de poemas de Ana Merino e do cómic de Chester Brown, dos que xa temos sendas entradas que podes ver, no seu día levamos á reunión non sei cantas o DVD coa película de Truffaut.
¿Por que esta peli, con esa inolvidable música composta por Jean Constantine? Ben, porque garda unha certa similitude -salvando as distancias- coa historia de Toby en "Vida de este chico". Outro tanto cabe dicir coa obriña de Merino e coa de Brown, claro... O filme fala dun neno que é case un adolescente que deambula por París na mesma época que trascurre a parte final de "Vida...", e recordemos que Toby a piques estivo de ir a vivir a París, ao París que ves nesta película, co seu tío. Hai outros parecidos, claro, que podes notar con só tomarte a molestia de... vela. É o que pasa nestes casos: que se un quere ver certas cousas nunha peli, ten que ver esa peli. Son ganas de fastidiar...
Tres ou catro cousas que un sabe da peli: tanto o autor como o propio film forman parte do que se coñece como "nouvelle vague" (nova onda) do cine francés, dos sesenta. Aí estaba xente como o propio Truffaut, ou Godard , ou Resnais, ou Rohmer... Un cine que xa é imposible ver en salas de cine normais, comerciais. ¡Tempos...! Menos mal que queda o DVD, o Forum... e os clubs de lectura, claro. (Se queres engadir nesta entrada o teu comentario, positivo ou negativo, da película truffautiana, pois sería moi ben recibido, a verdade).

(Truffaut e Rohmer xa nos acompañaran noutros momentos e circunstancias no noso escuro pasado...).

domingo, 2 de mayo de 2010

"Tú nunca me has gustado", de Chester Brown

Ilustración de Alicia

Como obras "complementarias" (?) deste club de lectura dedicado a dous libros de Tobias Wolff propusimos desde antes de Semana Santa a posibilidade de ler o libro de poemas de Ana Merino -que alomenos M. e Batiscafo, e pode que I., emprenderon-, a película de Truffaut titulada "Os catrocentos golpes" -tan eloxiada por Batiscafo e talvez vista por M. e I., non sabemos-, e, para rematar, o cómic "Tú nunca me has gustado", do canadiano Chester Brown, un dos máis destacados desa cousa que nos últimos anos dáse en chamar "cómic indie".
Imos con Brown.
De Brown temos en España desde fai algúns anos varias das súas máis recoñecidas obras, o cal non quere dicir que esas obras sexan coñecidas (polo gran público). Non debemos olvidar que no noso país a xente en xeral sigue considerando os cómics como algo máis ben de pouco valor. Non é así en Francia ou Italia, mais iso é outro conto que deixamos para outra vida.
Non temos nin idea de qué iso chamado "cómic indie", pero podemos intentar un esbozo: son cómics que se saen do cómic convencional (en EE UU e Canadá, os superheroes, basicamente; en Europa, os cómics de aventuras ou humorísticos; en España, os mortadelos, os peores mangas e os superheroes de calquera condición), que soen ser relatos autobiográficos, con debuxos e planificación máis ben sinxelos ou enganosamente sinxelos, editados de tal forma que se poidan evitar grandes gastos (pequeno tamaño, branco e negro, papel modesto, etc.), distribuídos con dificultade e atopables en librerías especializadas en cómics ou, como moito, nalgunha librería onde nos últimos anos comezan a dar cancha a certas editoriais (Astiberri, Sins Entido, Ponent, etc.) que conectan con autores e lectores deste secreto vicio...
Da forma de construír as páxinas que Brown ten merece a pena dicir algo. Recorta con tixeiras as viñetas debuxadas e logo vai pegando éstas sobre as páxinas. Iso explica a extraña distribución desas viñetas que ás veces sorprende ao lector. Marca da casa, pódese dicir.
Sería moi de agradecer que os que levaran este album para casa intentaran escribir aquí algo sobre el, ou sobre Brown, etc. Persoalmente, un considera este album como un elevado número de páxinas a modo de "prólogo" ou "introdución", para finalmente chegar as páxinas esenciais desta historia: desde a 178 á 185, ambas incluídas. Admítense obxeccións.

sábado, 1 de mayo de 2010

Reunión cinco e pico (días despois)

Días despois da renión V do día 15, "a oficial", fixemos algo así como a súa "repetición" pensando nas persoas que non puideron estar, máis J., que si estivo, pero quiso repetir xa que non tiña os capítulos mirados.
Unha vez máis o xa coñecido espírito que invadía a habitación nas reunións máxicas de cando estabamos con "Vida de este chico", que tanto botamos de menos ás veces, volveu para recordadrnos a íntima relación entre vida e literatura. Esa relación da que nos quere falar Wolff neste libro, pero que non necesitamos recoñecer soamente neste libro. O noso querido espírito aparece unha e outra vez, con movementos parecidos a eses ventos do Bosque Vello de Buzzati, para empaparnos con esa sensación de que ficción e vida están no caso dos seres humanos de carne e oso permanentemente asociados...
Saíu tamén o inevitable tema do problema xudeo, que tanto parece atraer a Wolff nesta obra e na anterior, e non soamente a este escritor estadounidense, senón como comentamos, noutros da mesma nacionalidade: Henry Roth, Philip Roth, Salinger, Singer, etc. A literatura escrita por estadounidenses con sangue xudeo (de tres ou catro gotas a litros) é practicamente un xénero. Tirando do fío, chegamos a España e Galicia: ¿sucede aquí ouitro tanto cos xudeos? Non é o mesmo, desde logo, pero non debemos olvidar... Mellor dito, deberíamos recordar, ou saber dunha vez, o sucedido na península no século XIV (Sevilla, Andalucía, Levante, Cataluña, Baleares...), e deberíamos facer traballar algo máis a nosa imaxinación para tratar de reproducir en imaxes as escenas de familias completas abandoando o seu país no século XV levando a chave da casa consigo... para non volver.
Tamén o Quijote foi tema de conversación entre nós, e cómo non, se se trata de falar da relación entre esa cousa que a xente soe chamar "realidade" e a ficción... Parte I, capítulo XXV da famosa obra de Cervantes, especialmente ao final. E como exemplo, un botón: deixemos falar por si mesmo a ese capitán Trueno da Mancha que para moitos pasa por tolo: "Yo imagino que todo lo que digo es así, sin que sobre ni falte nada, y píntola en mi imaginación como la deseo, así en la belleza como en la principalidad, y ni la llega Elena, ni la alcanza Lucrecia, ni otra alguna de las famosas mujeres de las edades pretéritas, griega, bárbara o latina. Y diga cada uno lo que quisiere; que si por esto fuere reprehendido de los ignorantes, no seré castigado de los rigurosos." Fala, claro, da súa Sigrid de Thule. Fala, claro, polo tanto, ¿de que...?